Teño unha gran dúbida: se poño varias autocaravanas nunha leira que teño preto da Lanzada para que os coñecidos que teño por España poidan vir 15 días sen pagar aloxamento ¿ese campamento é legal ou ilegal? Porque si é legal calquera podemos montar un pequeno cámping nas leiras.
Acórdome cando xa feito o porto deportivo e chegaban as festas de Sanxenxo e con iso chegou o problema de ¿onde metemos os que veñen coas atraccións? Porque na Praza do Mar non quedaban ben, entón o alcalde daquela negociou o de instalalos na Vichona e o ano seguinte xa non se instalaron so para as festas de Sanxenxo senón tamén para as de Portonovo coa salvidade de que entre festas e festas se ían a outro lado a montar as atraccións pero este ano porque marchar e volver se podemos estar alí todo o mes. Cando as acampadas eran intermitentes non había protestas.
A maneira máis fácil de escapar dos problemas é dicir que estan nunca finca privada entón ¿porque a poli local se deixa caer por alí a miúdo?
O problema máis grave é a falta de servizos básicos: auga, saneamento, aseos..., ¿porque un cámping os ten ? Entón as dúbidas cada vez son maiores:
¿O CETS non ten nada que dicir? Porque preto hai un apartahotel, negocios de hostalería,... ¿a concelleira de Turismo non lee as queixas?
¿Seguridade Vial? O tráfico dos tráilers e dos remolques das atraccións estan enriba das aceras as veces, levan aparcados varios días nos mesmos sitios sen ser movidos cando noutras rúas de Sanxenxo se controla iso ¿alí faise?, o concelleiro desa área esta ¿que opina?
¿Habitabilidade? A parcela non ten os servizos mínimos para poder ter una autocaravana e si eu fago o mesmo ¿dende a xerencia mo van a permitir? Porque seguro que me reclaman o importe dalgunha licenza ou mesmo dicirme que a miña leira é rústica. Claro que isto tamén se notará nas arcas municipais porque hai menos ingresos terei que preguntarlle a concelleira de Economía ¿si esta falta de ingresos por licenzas se anota en A o en B?. E acampar durante varios días sen aseos , sen auga e habendo nenos ¿os servizos socias estan a mirar por elo? Porque as veces por moito menos xa estan a meter o nariz nas vidas alleas.
¿Lixo? Moitas das protestas dos veciños baséanse na cantidade de lixo que o final queda nas parcelas, o concelleiro de Medioambiente negociou co CETS o horario da recollida de lixo ¿neste caso tamén o fixo? Ou como apenas consumen auga, electricidade e pouco recursos usan ¿pódense considerar vivendas ecoeficientes?
¿Atraccións a calquera prezo? Dende a concellería de cultura este tipo de cousas debíanse de prever, porque cando as atraccións veñen a Noalla se quedan todos en Noalla, cando van a Vilalonga se quedan en Vilalonga, entón cando van a Portonovo se van a Adina que para iso é a mesma parroquia, pero cando van para Sanxenxo ¿tamén se van para Adina? Entón o resto de parroquias poderían reclamar o mesmo e dicirlles que para durmir se vaian a Vichona, e terían moita razón porque ¿quen negociou que se quedasen aí?¿quen lles facilitou a estadía nesa parcela?
Tódalas concellerías estan implicadas, bueno salvase a de Deportes e Xuventude que hoxe bastante ten co problema da búsqueda dos 600.000€ que se lle reclaman ao Real Club Náutico. Inda que tamén lle estara botando unha man a concelleíra de Economía, e que isto dos números require unión.
Pero vamos mirar a parte positiva de todo isto: En Sanxenxo xa temos solucionado o problema da vivenda, mercamos unha autocaravana e temos xa vivenda e coche polo mesmo prezo, logo se non temos unha leira, un monte, unha toxeira sempre podemos recurrir a algún parente mentres a parcela sexa privada xa se esta en disposición de emanciparse do fogar. E o mellor é que nin pagas planos, nin licenzas, non pagas urbana so con pagar a billeta do coche xa esta, aforras moito en obras na vivenda e sobre todo se a finca ten boas vistas non che afecta a lei dos 500m.