martes, 25 de noviembre de 2008

A VACA XA NON TEN MAIS LEITE

Este artigo foime enviado por O Con, pareceme un tema moi interesante. Aquí volo deixo para que poidades opinar.


Afeitos a beber leite do tetabrik sen reparar que a súa orixe estaba no ubre da vaca , agora dinnos que o leite non vén do cartón de plástico e que a vaca ten so catro tetos e escasean os pastos. O goberno trata de aliviar o problema concedendo axudas ás multinacionais do tetabrik.

Nunca houbo desgracia na que xente rica e espelida non lle sacase proveito económico (recordo certos comportamentos na crise do Prestige).

No día a día observamos con estupor como os cartos públicos van parar ós bancos e grandes empresas e fannos crer que esta é a única solución para sair desta crise. É dicir, os culpables da situación de expansión ou especulación desaforada aparecen como víctimas e volven a encher o seu saco coa anuencia dos partidos políticos (pp e psoe) e resignación da sacrificada cidadanía contribuínte.

Tamén teño que dicir que neste país inda hai xente que nos engatusa con aquelo de que a forma de axudar ós pobres é dándolle aos ricos. Eu, resístome a recoller as migallas que lle sobran ou deixan outros.

Nesta esquizofrenia, os señores Louzán e Crespo de Lalín, aproveitan para pedir máis cartos para os Concellos, co pretexto das dificultades para pagar as nóminas dos funcionarios no vindeiro ano, dando por certo aquel dito de “a río revolto gañancia de pescadores”.

Estes señores decatáronse de que a vaca non ten máis leite e o que produce non chega para manter a todos. A min de pequeno sempre me enseñaron a vivir dentro das miñas posibilidades sen estirar máis a man que a manta, se non quería pasar frío.

Na época de vacas gordas, de bonanza e expansión, tamén de especulación, o Concello adicóuse a gastar e muxir da ubre como se fose unha fonte inesgotable de recursos (grandes soldos para todos concelleiros- obras sen sentido, coma un Concello novo que non sirve para ter todas as dependencias administrativas, e logo temos que alugar outros locales a prezos tamén desorbitados. Non se priorizou no gasto e marcáronse inmobles que hoxe están en ruinas e abandoados por falla de recursos para o seu mantemento. Creación de múltiples sociedades con Administradores, Xerentes e Asesores, con difícil xustificación. Excesiva contratación de persoal de confianza para dar emprego moitas veces a compromisos do partido (secretarias, prensa, asesores…etc). Festas, romarías, xantares, ceas e fogos de artificio a escacha. Tampouco podemos esquecer políticas de confrontación con outras institucións en lugar de convenios para aliviar certos costes, como por ejemplo no Centro do Día e na educación pre-escolar.

Agora decatáronse que gastaban por enriba das posibilidades, os ingresos ordinarios non son suficientes para manter este novo estilo de vida, e a vaca xa non dá máis leite.

Neste dislate aparecen os imitadores dos G-20, Sres.Louzán e Crespo, pedindo unha inxección de diñeiro para os Concellos, culpables únicos desta situación de gasto desaforado, utilizando as nóminas dos funcionarios como argumento para mostrarse vítimas e sacar rendemento económico, con cargo aos contribuintes.

E, de inxectárselle diñeiro ós Concellos serviría para gastalo do mesmo xeito, e dentro dun ano voltariamos á mesma situación.

Ata agora as medidas de inxectar diñeiro non valeron para nada se non van acompañadas doutras para conter o gasto, e investir en producir


Pero estamos tan ocupados maquinando cómo facer máis cartos (para nos e os nosos secuaces), que non atinamos a descubrir novas formas de equilibrio orzamentario que beneficien a toda a cidadanía.


E os pobres veciños, tan sumisos eles, ata son capaces de crer o que lles din, e sentir mágoa polos pobres mandamases.


O Con